A compañía

Aínda que na actualidade Lucecús Teatro está conformada por Anxo Manoel e Isa Herrero, as súas orixes beben da confluencia  de varios proxectos artísticos. Logo de moitos anos de traballo en diferentes colectivos teatrais de Lugo,  Anxo Manoel, Isa Herrero e Rubén Pérez que tiñan percorrido xa os escenarios de Galicia da man de grupos como Achádego, Palimoco ou Microefectos Dramatúrxicos, deciden xuntarse para lucir teatralmente.

A primeira montaxe da compañía, «A Orbita do Lucecús» fai honra ao nome e ponse en escena no 2016 da man de Santiago Cortegoso e Marián Bañobre. Nese mesmo ano, para celebrar a conmemoración do autor Manuel María no día das Letras Galegas, a Fundación Manuel María encarga á compañía unha producción a partir dos textos do autor. Despois dun arduo traballo de dramaturxia nace «A historia do verdadeiro poeta Manuel de Paderna». Este espectáculo segue a rodar a día de hoxe.

Despois veu «PingüiSOS» e máis tarde Logos, espectáculo no que formaba parte do elenco Borja Fernández, grande creador escénico, actor, director e músico. Un crack!

Polo camiño, e da man de Anxo Manoel e Isa Herrero, naceron tamén no 2017 «Os libros contraatacan», un espectáculo familiar de pequeno formato, e no 2019, «Minotaurus vulgaris». Ambos espectáculos xiran a día de hoxe.